O proceso de expansión empresarial da nosa conserveira culminou coa inauguración o pasado 28 de abril da nova fábrica sita no Polígono Industrial de A Reigosa no municipio pontevedrés de Pontecaldelas. O proxecto supuxo un investimento total de 9 millóns de euros cunha superficie construída de 10.000 metros cadrados distribuídos en tres plantas. A construción destas novas instalacións supuxo un reto para o equipo de enxeñería e a dirección da empresa xa que se intentou conseguir unha fábrica punteira en enerxías renovables e aforro enerxético dotada coa máis moderna tecnoloxía existente no mercado para o sector conserveiro. Entre as novidades incluídas na súa construción destacan a caldeira de biomasa e o sistema de control instantáneo dos consumos eléctricos nas diferentes zonas de produción.